Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

Domingo, 03 de Decembro de 2006

O Cté. Cidadán responsabiliza aos máximos dirixentes do BNG e PSdeG

Na súa reunión do 23 de novembro, o Comité Cidadán de Emerxencia para Ría de Ferrol acordou responsabilizar aos máximos dirixentes do BNG e PSdG-PSOE do ocorrido no Pleno Municipal de Ferrol o 17 de novembro, no que como positivo cabe destacar a coherencia dos concelleiros asistentes de Esquerda Unida e Independentes por Ferrol.

Desde o ano 1995 ata o 31 de xullo do 2003 producíronse sete Plenos do Concello de Ferrol para decidir por maioría de dous terzos dos 25 concelleiros, é dicir 17 ou 18, que a Planta de Gas se ubique en Cabo Prioriño. Nos tres Plenos de 29 de marzo de 2001, 29 de agosto de 2002 e 31 de xullo de 2003, o devandito posicionamento ademais é contrario á ubicación de Reganosa dentro da Ría de Ferrol. Ao principio deste mandato municipal, recentemente elixidos os concelleiros e con Juan Juncal como Alcalde polo PP, o acordo do Pleno municipal ordinario de 31 de xullo de 2003 produciuse a raíz dunha moción do BNG aprobada por 17 votos de BNG, EU, IF e PSOE, votando en contra os sete concelleiros do PP. Segundo esa moción o Concello continuaría coas actuacións legais xa iniciadas.

Nos anos 2001 e 2002, cando Xaime Bello era Alcalde da lista do BNG, o Concello de Ferrol acordou iniciar dous contenciosos administrativos, un contra a falsa tramitación ambiental de 11/6/2001 realizada pola Consellería de Medioambiente, e o outro contra a Autorización Administrativa aprobada o 3/6/2002 pola Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas. En xullo de 2004 coñeceuse a sentenza do TSXG favorable ao Concello de Ferrol que anula a tramitación ambiental da Consellería de Medioambiente. A Xunta e Reganosa para gañar tempo recorreron o Tribunal Supremo. En setembro de 2004 o Sr. Juncal “sacou da manga” unha moción que parece escrita nunha oficina de Reganosa, para que o Pleno de Ferrol decidise retirarse dos dous contenciosos que tiña suscitados contra Reganosa. Unha campaña de prensa orquestrou dita moción, pero existía o rexeitamento dos demais grupos municipais.

O Sr. Juncal esperou a convocar o pleno municipal para o 12 de novembro no que por primeira vez presentou “a súa moción”. Neses dous meses a maquinaria do PPdeG coa súa maioría absoluta moveuse para “botar unha man”, e o 10 de novembro no Pleno do Parlamento Galego presentou dita moción, solicitando apoios ao PSdG-PSOE e ao BNG. Houbo conversacións antes de que no devandito Pleno do Parlamento Galego se votase a moción para “suxerir” ao Concello de Ferrol que se retirase dos contenciosos contra Reganosa. O BNG, que aínda tiña a Xosé Manuel Beiras como líder, non apoiou a moción que foi aprobada polos parlamentarios do PPdeG e PSdeG, dous días antes do pleno municipal de 12 de novembro convocado polo Alcalde Sr. Juncal para súa moción de texto imperativo. Catro membros do Comité Cidadán de Emerxencia estaban nas gradas do público do Parlamento Galego e son testemuñas. Logo desa votación despregaron unha pancarta duns oito metros na que se podía ler "Mentiras nunca máis, Planta de Gas fóra da Ría". Había medios televisivos e xornalistas que tamén foron testemuñas.

No Pleno Municipal de 17 de novembro, nunha primeira votación os votos dos concelleiros do PP e BNG decidiron non recorrer ao Tribunal Supremo a sentenza do TSJM que desestima o segundo contencioso do Concello contra Reganosa. Noutra votación o Sr. Juncal por terceira vez someteu ó pleno a súa moción, sendo aprobada só cos sete votos de PP, coa absurda abstención dos concelleiros do BNG e PSOE, evidenciando que o Alcalde Juan Juncal vén actuando como portavoz dos intereses de Reganosa, esquecendo as súas obrigacións cos veciños de Ferrol.

É denunciable a actitude dos concelleiros do PSOE e BNG que neste pleno sacrificaron a súa credibilidade e patrimonio político. Pero a responsabilidade do ocorrido, con sombras de sospeita, implica aos máximos dirixentes de ámbito galego do PSOE e BNG, quen deberían romper cos compromisos inconfesables, herdados ou contraídos, polos que aceptan renunciar a que se aplique a lei a Reganosa, e así mesmo que nos seus partidos se presionara aos seus concelleiros en Ferrol a fin de que votasen a moción do Sr. Juncal, modificando o que decidiran para defender aos cidadáns de Ferrol. O que veñen dicindo ninguén o cre. Din que Reganosa é estratéxica, pero se sabe que hai operadores europeos de gas dispostos a situar fóra de Ría de Ferrol unha planta de Gas con catro veces máis capacidade que a de Reganosa. Dicir que as obras están moi avanzadas é de atolondrados e irresponsables, para unha Planta de Gas que ameazaría a vida de miles de persoas no caso de que entrase en funcionamento.

Con todo, a democracia é o menos malo dos sistemas. Os defectos dos partidos poden ser mellorados pola transparencia aos cidadáns do que esta ocorrendo. De aí o dano que determinado medio de comunicación vén realizando coa censura do que non interesa a Reganosa e súa publicidade encuberta. Por iso hai que recoñecer como positivo a coherencia dos concelleiros de Esquerda Unida e Independentes por Ferrol asistentes ao Pleno do 17 de novembro.

Hai dúas sentenzas do TSXG contrarias a Reganosa e sete contenciosos máis a trámite. Nas próximas eleccións municipais espérase un varrido de impresentables ante os cidadáns de Ferrol. Espérase tamén que o Sr. Juncal que non salga elixido Alcalde e que un novo goberno municipal, no caso de que fose necesario inicie novas actuacións administrativas para que se cumpra a lei, ademais das actuacións legais na Xustiza, pois a inmensa maioría dos cidadáns de Ferrol non acepta ter a súa vida permanentemente ameazada no caso de que a Planta de Gas de Reganosa chegase a entrar en funcionamento, cuns condicionados en distancias á poboación e na saída de Emerxencia dos gaseros, que son imposibles de cumprimentar coa ubicación caprichosa dentro de Ría de Ferrol.
Comité Cidadán de Emerxencia 25 de novembro de 2006.

Por: Comité Cidadán | Comunicados | Comentarios (0) | Referencias (0)

Comentarios

Comentar


Recordar datos


Estadisticas web
ADN.esADN.es Medio Oficial Premios Bitacoras 2008: Jennifer aniston