Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

Domingo, 19 de Novembro de 2006

¿Que hai detrás da decisión do Pleno Municipal de Ferrol cuxa decisión renuncia a que a Xustiza complete o seu traballo con Reganosa.?

No Pleno Municipal de Ferrol do venres pasado, un representante do Comité Cidadán dixo aos concelleiros o que debían oír en público antes da votación que o Alcalde Sr. Juncal levaba ó Pleno. Agora haberá que explicar tamén ao público en xeral, os detalles do que pasou nos últimos dous anos, para que os concelleiros do PSOE e do BNG cambiasen respecto de o que votaron no Pleno de 31/7/2003. Coñécense con nomes e apelidos os dirixentes “ou persoeiros” do PSdeG-PSOE e do BNG que desde novembro de 2004 estiveron presionando aos seus concelleiros en Ferrol para que votasen a proposta do Alcalde do PP, Sr. Juncal.

É dicir, os concelleiros do BNG e do PSOE en Ferrol foron presionados pero tamén traizoados por dirixentes ou “persoeiros” dos seus partidos, desde aquela votación no Parlamento galego, o 10 de novembro de 2004 en que o PP e PSdeG-PSOE votaron conxuntamente unha moción do PPdeG para que o Concello de Ferrol se retirase dos contenciosos que ten presentados contra Reganosa. Entón en novembro de 2004 aínda estaba o Sr.Beiras entre os parlamentarios galegos do BNG e dedúcese que foi clave para que daquela o BNG fixese unha proposta distinta no Parlamento galego, non votando o bodrio proposto polo PPdeG. Iso ocorreu dous días antes do Pleno municipal de 12 de novembro de 2004 no que o Sr. Juncal levou por primeira vez ao Pleno Municipal de Ferrol a súa moción. Os concelleiros do PSOE abstivéronse excepto Eduardo Fra que votou xunto con Esquerda Unida, BNG e Independentes por Ferrol en contra da proposta do Sr. Juncal. Agora para este pleno municipal de Ferrol de 17 de novembro de 2006, dous anos despois, as cartas parece que estaban mellor marcadas e Sr. Juncal xogou con rede porque sabía que o PSdeG e o BNG ían presionar mais duramente aos seus concelleiros en Ferrol.

Pero o Sr. Juncal non debía telas todas consigo ao presentar por terceira vez a súa moción, aínda que tería “indicios”, por non dicir soplos, de que as presións ao seu favor dentro do BNG e do PSdeG- PSOE desta vez aseguraríanlle maioría suficiente. Pero por si fose necesario tiña unha carta escondida cun dos concelleiros de IF co que ten o acordo de levalo na lista do PP para as próximas eleccións municipais. Se ese concelleiro faltaba por “estar doente”, no caso de que os concelleiros do BNG e PSOE se abstiveran habería un empate a sete, no que o Sr. Juncal podía sacar adiante a súa proposta exercendo como Alcalde o voto de calidade.

O absurdo é que os concelleiros do BNG, votasen a favor do Sr. Juncal, logo de ver durante catro horas que faltaba un concelleiro de IF. Con esa ausencia se o BNG e PSOE se abstiñan sairía igualmente adiante a proposta do Sr Juncal cun empate a sete votos entre os concelleiros do PP, fronte os dous de Esquerda Unida e os cinco asistentes de IF que votaron en contra. Por iso aparte da decepción do resultado, o absurdo da votación dos concelleiros do BNG a favor da proposta do Sr. Juncal ten outro cariz pendente de analizar.

Moita xente farase a pregunta: ¿Por que en relación con Reganosa desde novembro de 2004 aparecen embarcadas as direccións galegas do PPdeG, PSdeG-PSOE e BNG? Hai información dabondo para a resposta, pero os acontecementos nos próximos meses permitirán completala con mais seguridade.

Esa resposta poderá explicar o que PPdeG, BNG e PSdeG.-PSOE veñen facendo. En outubro de 2005 a raíz da OPA de Gas Natural a ENDESA, foi noticia que se vendería o 21% de ENDESA en Reganosa. Este Pleno do 17 de novembro en Ferrol coincide con que a Comisión Nacional do Mercado de Valores aprobou a OPA de E.On a ENDESA, pero está bloqueada á espera de que ENDESA retire do Tribunal Supremo o seu pleito con Gas Natural, e a Planta de Gas de Reganosa estase construíndo cun crédito hipotecario de 400 millóns de euros que aportou o BBVA grazas a un aval de ENDESA que nuns dous meses pasará a propiedade da alemá E.ON.

De momento, equivócanse quen coa renuncia do concello de Ferrol din que se deu un carpetazo aos contenciosos contra Reganosa. Teñen que estar moi colgados cando pechan os ollos ante os sete contenciosos do Comité Cidadán e ao feito de que segue aberto o expediente aberto na Comisión Europea, ademais de que hai dúas decisións pendentes do Tribunal Supremo. A maiores Reganosa ten obrigación de solicitar autorización de funcionamento e na autorización de construción ten uns condicionados imposibles de resolver.

A renuncia do Concello de Ferrol a que a xustiza complete o seu traballo con Reganosa parece unha condición imposta polos socios ou promotores de Reganosa, por algún propósito que consideran de gran envergadura e porque teñen medo á Xustiza. O que parece estar claro é que ás direccións galegas do BNG e do PSOE non lles doe nada o sacrificar a credibilidade e patrimonio político dos seus actuais representantes en Ferrol, ou o dos seus candidatos para as próximas eleccións locais, ¿A cambio de que? Esperamos que tamén se poida coñecer.

En español

Por: Comité Cidadán | Recursos | Comentarios (0) | Referencias (0)

Comentarios

Comentar


Recordar datos


Estadisticas web
ADN.esADN.es Medio Oficial Premios Bitacoras 2008: Noticias madrid