Venres, 16 de Xuño de 2006

Por acordo do Comité Cidadán de Emerxencia, na mañá do próximo 27 de xuño, ás portas do Ministerio de Industria, realizarase unha concentración con roda de prensa pública e escenificada, alertando dos riscos e a ameaza para a vida humana que supón a planta de Gas que constrúe Reganosa. Nesta concentración no Ministerio de Industria os participantes cubriranse con máscaras antigas e buzos brancos dos empregados para a limpeza do Prestige. No rexistro do Ministerio entregarase un dossier con fotos da poboación próxima a Punta Promontorio nos dous quilómetros onde segundo o RAMINP están prohibidas as instalacións perigosas, así mesmo cun escrito recordando outros anteriores nos que se solicita da paralización das obras de Reganosa cunha autorización de construción irregular condicionada a requisitos que imposibles de cumprimentar na caprichosa ubicación elixida polos promotores dentro de Ría de Ferrol.
Os participantes nesta viaxe tamén visitarán o Congreso dos Deputados onde unha delegación manterá unha entrevista con Gaspar Llamazares, Coordinador de IU, para informar das vías xudiciais e administrativas pendentes, detalle dos condicionados que son de imposible cumplimentación por Reganosa dentro de Ría de Ferrol e dos escritos pendentes de resposta polo Presidente do Goberno, o Ministro de Industria e a Ministra de Medioambiente. Así mesmo entregarase un dossier aos grupos parlamentarios que teñen representantes por Galicia, con documentación dos condicionados que son imposibles de cumprimentar por Reganosa, polo cal vénse solicitando ao Ministerio de Industria que non autorice o seu funcionamento e que deixe claro aos operadores de gas natural que unicamente é viable unha planta de Gas fóra de Ría de Ferrol, en Cabo Prioriño onde está construído un Porto Exterior ou en mar aberto do Golfo Ártabro.
En abril de 2004 entregouse por primeira vez un dossier en Ferrol aos representantes de BNG, PSOE e EU-IU, para que o trasladasen aos seus respectivos grupos no Congreso dos Deputados. Logo da sentenza do TSXG de 23 de xuño de 2004, que anulou a tramitación ambiental de Reganosa, o grupo de Esquerda Unida foi o único que preguntou ao Goberno porque non paraliza as obras de Reganosa. Na resposta de 3 de novembro de 2004 o goberno di que a sentenza do TSXG non é firme porque Reganosa e a Xunta de Galicia recorrérona ao Tribunal Supremo quen para este próximo mes de xullo acumula dous anos a espera da súa decisión. O Goberno na resposta a IU dixo tamén que acatará a decisión do Tribunal Supremo e que as autorización de construción a Reganosa foi realizada logo de informes favorables de seis organismos que foron consultados nos anos 2001 e 2003. Por iso o Comité Cidadán de Emerxencia enviou o 24 de novembro de 2004 sendos escritos ao Presidente do Goberno, ao Ministro de Industria e á Ministra de Medioambiente, onde se lles explica que o Goberno ten competencias para paralizar as obras de Reganosa sen esperar ao Tribunal Supremo, así mesmo apórtaselles documentación demostrando que ditos informes son falsos ou falaces. Deses escritos non se tivo resposta, polo cal o Comité Cidadán trasladou ao Grupo de Esquerda Unida documentación para unha repregunta ao Goberno que estes días será presentada no rexistro do Congreso dos Deputados.
O prezo da viaxe será entorno a 20 euros e a saída en autobús está prevista para as 24 horas do día 26 de xuño, co regreso cara ás 22 horas do día 27. As inscricións para quen queiran participar poden facerse, indicando o nome, apelidos, dni e teléfono, a través das asociacións que constitúen a Asemblea Cidadá ou tamén chamando ao teléfono 981357970 do Ateneo, en horas de 11,30 a 13,30. Cada participante debe levar a súa comida para a viaxe.
En español
Por: Comité Cidadán | Convocatorias | Comentarios (0) | Referencias (0)
Blog do Cté. Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Plataforma que agrupa a máis de medio centenar de entidades locais contra a ubicación dunha planta de gas de Reganosa no interior da ría ferrolá.
Do Comité:
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com